A presenza de especies fitoplanctónicas “raras” non é tan rara

Científicos do CSIC e da Universidade de Vigo constatan que existe unha gran diversidade de especies e que esta pode explicar a gran produtividade das nosas augas.

 

“Unha pinga de auga de mar conten miles de organismos fotosintéticos coñecidos como fitoplancto. Aínda que so se poden ver baixo unha lente de microscopio, a súa abundancia e diversidade son claves para o funcionamento dos ecosistemas acuáticos. As comunidades de fitoplancto mariño compóñense de especies dominantes que medran de forma activa e de especies raras que se atopan nun estado latente. Ao contrario que as dominantes, as especies raras atópanse en abundancias moi baixas polo que para a súa detección e imprescindible a análise de grandes volumes de auga de mar”, explica Francisco Gómez Figueiras, profesor investigador do Grupo de Oceanoloxía do IIM (CSIC).

 

Eucampia zodiacus

Eucampia zodiacus

Un estudo liderado polo investigador Pedro Cermeño do Grupo de Oceanografía Biolóxica (Facultade de Ciencias del Mar) da Universidade de Vigo, en colaboración co Grupo de Oceanoloxía do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-Vigo) e o Instituto de Ciencias do Mar (ICM-Barcelona) ambos do “Consejo Superior de Investigaciones Cientificas” (CSIC) revelou que mais do 50 % das especies diferentes que se atopan na ría de Vigo son consideradas pola súa escasa abundancia coma especies raras.

Este estudo está enmarcado dentro do proxecto “Dispersión, modelos neutrais e ensamblado das comunidades de plancto microbiano mariño” (DISTRAL) e ten como obxectivo coñecer e identificar os factores que controlan a diversidade das comunidades fitoplanctonicas, en concreto a comunidade da ría da Vigo, e indo mais aló tamén pretendese coñecer se dita diversidade é importante para o correcto funcionamento dun sistema tan produtivo como o das rías.

Dinophysis acuminata

Dinophysis acuminata

Para levalo a cabo realizáronse durante o ano 2012 nove campañas oceanográficas para facer unha mostraxe exhaustiva dunha estación fixa dentro da ría de Vigo. En total foron recollidos mais de 500 L de auga de mar que se distribuíron en 290 mostras diferentes para posteriormente ser analizadas no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Bouzas. Grazas a técnicas de microscopia puidéronse identificar mais de 300 especies diferentes de fitoplancto das que mais da metade incluíronse dentro do grupo coñecido como especies raras.

Tal como indicou o investigador principal do proxecto Pedro Cermeño “Os resultados indican que as comunidades fitoplanctónicas da ría de Vigo son moito mais diversas do que se cría”.

Coscinodiscus sp

Coscinodiscus sp

Xa cos resultados na man agora tócalle aos científicos traballar para coñecer como esta comunidade cunha gran biodiversidade transforma o afloramento de augas profundas e ricas en nutrientes característico da costa galega nun dos sistemas ambientais mais produtivos. Tal como explicaron os científicos do proxecto a fertilización natural da ría polas augas afloradas e a presenza de “sementes”, formas de resistencia de determinadas especies fitoplanctónicas, que agardan a que as condicións ambientais sexan mais favorables podería explicar porqué todos os nutrientes son aproveitados tan eficientemente.

“A principal diferenza con outros estudos previos de diversidade fitoplanctónica é que en DISTRAL analizáronse moitísimas mostras dunha mesma masa de auga. A maior número de mostras analizadas, mais novas especies iban aparecendo”, explica Isabel Gomes Teixeira, experta en fitoplancto mariño e membro do Grupo de Oceanoloxía do IIM (CSIC).

 

Autoria das fotos: Antonio Fuentes Lema

Un Comentario

  1. ¡¡muy interesante!!

Deja un comentario