Bancos marisqueiros en Galicia: prevención de riscos causados por eventos extremos en especies de bivalvos comercialmente importantes.

Por Rula Domínguez Fernández

 

Contexto de cambio climático en Galicia

Unha das consecuencias esperadas do cambio climático global é o aumento da frecuencia dos eventos extremos, como as ondas de calor, que no caso do mar aumentan a temperatura da superficie e as choivas torrenciais, que modifican a salinidade nas augas costeiras. En concreto, os expertos do IPCC (Panel Intergobernamental de Cambio Climático da ONU) e o proxecto EURO-CORDEX predicen que as ondas de calor da costa atlántica europea ocorrerán con maior frecuencia, duración e intensidade e aumentará a frecuencia da choivas extremas antes de finais deste século.

Debido á importancia ecolóxica e socioeconómica dos ecosistemas marítimo costeiros, especialmente as rías no caso da costa galega, os posibles impactos dramáticos do cambio climático na súa estrutura e funcionamento son unha importante preocupación. As fluctuacións agudas na salinidade e temperatura poden afectar aos procesos bioxeoquímicos na auga e nos sedimentos onde viven moitas especies, e tamén á condición fisiolóxica e metabólica das propias especies. Estos cambios bruscos poden derivar directamente en episodios de mortalidade masiva que varían segundo a resistencia de cada especie, o momento do ciclo de vida no que se atopa ou o contexto espaciotemporal (localización do banco marisqueiro, duración do evento extremo…). Pero ademais, este estrés tamén pode inducir efectos subletáis que sen chegar a matar aos animais poden ter un impacto enorme a medio e longo prazo, reducindo o seu crecemento, a condición fisiolóxica, o éxito reprodutivo e aumentando a vulnerabilidade ás enfermidades ou a os depredadores.

 

Pesquerías artesanais

Estes efectos esperados son particularmente preocupantes cando as especies afectadas sosteñen pesquerías importantes. Este é o caso de Galicia, onde as pesquerías de bivalvos do intermareal e submareal teñen unha enorme relevancia socioeconómica, xa que sosteñen a economía de centos de personas en cada una das cofradías que se dedican a esta actividade. As especies nativas Ruditapes decussatus (ameixa fina) e Venerupis corrugata (ameixa babosa), a introducida Ruditapes philippinarum (ameixa xaponesa) e o berberecho Cerastoderma edule (Figura 1) nos últimos anos foron responsables de case o 80% das capturas totais de bivalvos e máis do 85 % do valor comercial (www.pescadegalicia.gal). Estas cifras, con todo, poden ser altamente variables cada ano, con caídas extremas na producción como xa aconteceu, por exemplo no outono-inverno 2000-2001, cando debido á baixada brusca da salinidade por choivas torrenciais ocorreron mortalidades masivas que impediron extraer este recurso durante un ano enteiro. Outro evento extremo foi un episodio de choivas torrenciais no 2013-2014 que causou unha mortalidade grave de bivalvos nas Rías de Vigo, Pontevedra e Arousa.

Figura 1. Individuos usados nos experimentos, das catro especies estudadas: A. R. philppinarum, B. R decussatus, C. V. corrugata,  D. C. edule . © R. Domínguez Fernández.

 

Estas especies viven enterradas a pouca profundidade nos sedimentos na zona entre mareas, coa excepción da ameixa babosa, que é máis abundante máis abaixo desta zona intermareal, onde é recollida por mariscadores a flote, ainda que tamén se apañe no marisqueo a pé, nas mareas máis baixas. As condicións ambientais críticas e óptimas de salinidade e temperatura, ou a profundidade de enterramento dentro do sedimento difiren entre as catro especies, así como o seu ciclo reprodutivo anual. En consecuencia, estas pesquerías son moi variables, dependendo das condicións de cada ría e banco marisqueiro (escorrentía da auga de choiva, tipo de sedimento, a exposición aos ventos e correntes…) e cada vez máis do clima.

 

Obxetivos do proxecto MARISCO

Na actualidade se están a facer esforzos para estimar as perdas económicas na pesca debido ao cambio climático e os custos na adaptación ao novo escenario. Pero a maioría dos estudos céntranse na pesca industrial e fíxose pouca pescuda en pesquerías artesanais como as de Galicia. Dada a súa enorme importancia económica, é esencial coñecer a escala dos impactos dos eventos climáticos sobre os pescadores e as comunidades costeiras.

Este proxecto pretende desenvolver e implementar una nova ferramenta para previr ou minimizar os custos económicos dos eventos extremos que axude na xestión dos bancos marisqueiros, servindo como sistema de alerta temprana para mitigar os danos económicos nas comunidades que dependen dela. Para conseguilo, en estreita colaboración con os profesores Sarah A. Woodin e David S. Wethey, imos deseñar modelos predictivos das condicións en que se pode encontrar cada bando marisqueiro en función das condicións meteorolóxicas de chuvia e temperatura parecidos aos que predicen o tempo, e logo incorporando os datos fisiolóxicos e ecolóxicos que temos como resultado dos experimentos que realizamos no laboratorio e no mar. Así se poderán proporcionar estimacións de risco moi robustas e que se poidan utilizar a escala local para cada banco marisqueiro. Ademáis o proxecto incorpora unha parte de estudo socioeconómico para avaliar o impacto que estas mudanzas poderán ter nas comunidades que viven destes recursos, con especial enfoque na cuestión de xénero, debido a que tradicionalmente en Galicia o marisqueo a pé é realizado por mulleres.

Unha investigación anterior do noso equipo financiada pola NASA, a National Science Foundation de Estados Unidos e Xunta de Galicia valorou a resistencia das tres especies de ameixas a ondas de calor. Os resultados indican que a introducida R. philippinarum é máis resistente a exposición a temperaturas altas que as dúas especies nativas (Macho et al., 2016).

Como parte deste proxecto estou a realizar unha tese de doutoramento na Universidade de Vigo con Elsa Vázquez e Celia Olabarria como directoras, cuxo obxectivo xeral é estudar a parte das respostas ecofisiolóxicas letais e subletais (crecemento, reprodución, scope for growth ou potencial de crecemento, respiración) das catro especies de bivalvos anteriormente mencionados a variacións de salinidade e temperatura e introducir os resultados nos modelos predictivos. Os obxectivos específicos da tese son:

  1. Referir a mortalidade e o crecemento das catro especies de bivalvos en catro bancos marisqueiros de Galicia (Redondela, Campelo, Carril e Cambados) coa salinidade e temperatura da auga e do sedimento medidas en cada local durante un periodo de dous anos.
  2. Comparar as respostas eco-fisiolóxicas (respiración, taxa de alimentación, defecación, crecemento, proteínas de estrés, estado gonadal) destas especies en diferentes niveis de estrés causado por diminucións de salinidade e aumentos de temperatura en diferentes épocas do ano.
  3. Estudar a vulnerabilidade destas ameixas sometidas a diferentes niveis de estrés producidos por diminucións de salinidade e aumentos de temperatura aos depredadores.

Para iso, durante parte de 2015, 2016 e ata setembro de 2017, realizáronse unha serie de experimentos de campo e de laboratorio, dende os que se obtivo unha grande cantidade de información para introducir nos modelos predictivos. En concreto, realizáronse os seguintes experimentos:

– dende xuño de 2015 ata setembro de 2017, foi realizado un ensaio de campo para relacionar a mortalidade e crecemento das catro especies de bivalvos con as flutuacións naturais na salinidade e temperatura en catro bancos marisqueiros de tres rías diferentes (Arousa, Pontevedra e Vigo) (Figura 2).

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Figura 2. Caixas enterradas no sedimento para o experimento de mortalidade e crecimiento no campo. © E. Vázquez Otero.

– En xaneiro, marzo e maio de 2016, realizáronse experimentos de mesocosmos (condicións naturais simuladas, con tanques de sedimento e mareas) nas instalacións da ECIMAT, simulando as baixadas de salinidade previamente atopadas na área de estudo durante o outono, o inverno e a primavera, respectivamente (Figura 3).

– En xuño de 2016 realizouse outro experimento de mesocosmos na ECIMAT, esta vez simulando as condicións dunha onda de calor (Figura 3).

FIG_3AFIG_3BFigura 3. Montaxe do experimento de laboratorio de estrés por baixa salinidade (imaxen superior) e por ola de calor (imaxen inferior) nas instalacións da ECIMAT. © R. Domínguez Fernández.

– Entre abril e xuño de 2017, realizáronse dous experimentos consecutivos para avaliar o efecto sobre a depredación nestas especies de bivalvos sometidos a estrés debido a unha baixa salinidade: un experimento de campo con depredadores naturais e outro experimento de laboratorio con dous depredadores seleccionados  (Figura 4).

FIG_4AFIG_4BFigura 4. Experimento de campo (imaxen superior) e de laboratorio na ECIMAT (imaxen inferior) con depredadores. © R. Domínguez Fernández.

 

Os resultados preliminares indican diferenzas entre as respostas de mortalidade, as subletais e a resistencia aos depredadores entre as especies estudadas, o que resultará interesante para aplicar a ferramenta de xestión destes recursos.

Se queredes mais información dos resultados obtidos ata o momento da parte experimental ecofisiolóxica do proxecto a podedes obter nos seguintes traballos:

  • Rula Domínguez, Celia Olabarria, Gonzalo Macho, Laura G. Peteiro, Sarah A. Woodin, David S. Wethey, Elsa Vázquez. Effect of decrease in salinity on the scope for growth of bivalves of commercial interest. European Marine Biology Symposium, Sept 2016
  • SA Woodin, DS Wethey, E Vázquez, C Olabarria, R Domínguez, G Macho, L  Peteiro. Pump, Poop, Pause, Reject, Reverse, Sip:  Non‐Invasive Activity Metrics for Infauna. Nereis Park Conference, Aug 2017.

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: