Caracterización molecular das ostras do Litoral Atlántico Andaluz e as súas Patoloxías.

Por Monserrat López Sanmartín

A rexión da área de estudo sitúase no sur Atlántico da Península Ibérica, comprendendo as provincias de Huelva e Cádiz, separadas polo río Guadalquivir (Figura 1). As características xeográficas, con amplas zonas de esteiros e marismas, convértena nunha zona idónea para o desenvolvemento da ostricultura. No entanto, tamén presenta certas peculiaridades xeolóxicas como a franxa de pirita explotada dende a época tartesa ata a actualidade. A actividade mineira influíu no desenvolvemento da industria ostrícola ao longo do tempo, ao igual que a actividade industrial en Huelva (Figura 1).

Fig_1

Figura 1. Características xeolóxicas do litoral Atlántico andaluz. ©Imaxes obtidas do Google Earth

O inicio da ostricultura xorde entre os anos 60-70, cunha crecente demanda do mercado, incrementando a produción asociada a unha maior actividade extractiva sobre os bancos naturais de ostión ou ostra portuguesa, Crassostrea angulata. Nos anos 80, apóstase fortemente pola ostricultura introducindo a ostra xaponesa ou C. gigas, cun crecemento máis rápido e resistente a enfermidades, chegando a desprazar á naturalizada ostra portuguesa en practicamente toda Europa.

En tanto, as expectativas para o cultivo de ostras se viron truncadas en 1987, debido aos altos niveis de metais pesados, concretamente o cobre, como consecuencia da actividade mineira e industrial. A finais de 1987, a captura e comercialización dos ostreidos onubenses pasaron a unha situación de repouso extractivo.

A finais de 2011, vólvese permitir a comercialización ante o cambio na lexislación e a profunda reconversión do polo químico en materia de vertidos ao medio. Polo tanto, o futuro ostrícola preséntase prometedor para o litoral Atlántico andaluz, non obstante, é escaso o coñecemento do estado actual dos bancos naturais sobre a distribución das diferentes especies de ostras e as súas patoloxías (Figura 2).

Fig_2

Figura 2. Estado actual dun banco natural sometido a repouso extractivo. © Imaxes obtidas por Monserrat López Sanmartín

Neste traballo levouse a cabo un seguimento das poboacións que permitiu estimar o estado e evolución da supervivencia relativa, confirmando que aquelas poboacións sometidas a actividade ostrícola, directa ou indirectamente, seguen un patrón diferente ás poboacións non sometidas a unha presión extractiva. As mostras realizadas ante a reapertura da comercialización de ostreidos (2011) e durante o seu seguimento (2012-2013) confirmaron a cohabitación de tres especies de ostras, sendo a máis representativa a ostra portuguesa, Crassostrea angulata (Lamarck, 1819) (78,9%), seguida da ostra do pacífico ou xaponesa, Crassostrea gigas (Thunberg, 1793) (14,2%) e, por último, a ostra anana, Ostrea stentina Payraudeau, 1826, (7,1%); non detectándose exemplares de ostra europea ou ostra plana, Ostrea edulis (Linneaeus, 1758). As análises permitiron, ademais, avaliar o estado histopatolóxico das poboacións, identificando síntomas, simbiontes e patóxenos presentes nos diferentes tecidos dos animais analizados. A única enfermidade de declaración obrigatoria, identificada por histoloxía, caracterizada e confirmada por PCR, secuenciación e hibridación in situ foi a presenza de protozoo Marteilia refringens en O. stentina.

Por outro lado, entre os diferentes patóxenos que afectan ás ostras, este traballo centrouse na análise do virus Ostreid herpesvirus 1 (OsHV-1), causante de mortalidades masivas, principalmente, en C. gigas. Así, identificouse e analizouse a distribución e variabilidade xenética do OsHV-1 e a súa variante microvar (OsHV-1μVar). Os resultados mostraron que nas primeiras mostras (2011) foi posible detectar OsHV-1 e/ou OsHV-1μVar en tódalas especies. Porén, nas mostras posteriores (2012-2013) só se identificou a variante OsHV-1μVar e, ademais, evidenciouse unha tendencia a diminuír, chegando a non detectarse nas últimas. As análises filoxenéticas realizadas, utilizando dúas rexións do DNA do OsHV-1 (rexión C e rexión NC), permitiron apoiar a hipótese da orixe asiática da variante OsHV-1μVar presente en Europa. Os xenotipos de OsHV-1μVar presentes no sur atlántico da Península Ibérica terían unha orixe a partir dun xenotipo asiático, o cal podería ter entrado a través do cultivo de C. gigas.

Durante o período de estudo só se detectou un brote de mortalidade identificado e asociado a OsHV-1μVar en C. gigas no litoral atlántico andaluz. Dito brote permitiu estimar a súa virulencia mediante a realización de infeccións experimentais en C. gigas, O. edulis, C. angulata e O. stentina. A técnica de identificación de transcritos mediante hibridación in situ, así como a elevada carga viral cuantificada nos animais moribundos, suxire que OsHV-1μVar é o causante das mortalidades en xuvenís de C. gigas e O. edulis. Adicionalmente, este traballo presenta un método eficaz para a identificación de transcritos de OsHV-1 en animais infectados usando a hibridación in situ.

Por último, para determinar se Ostreid herpesvirus 1 (OsHV-1) ten a capacidade de transmisión vertical (transmitirse dos proxenitores aos seus descendentes) xeráronse 9 familias de irmáns completos a partir do cruzamento de tres machos e tres femias Crassostrea angulata superviventes a un brote de mortalidade asociado a OsHV-1 en Portugal. Mediante PCR convencional non se detectou DNA de OsHV-1 no manto, gametos, nin en larvas con 3 días de idade. No entanto, mediante a qPCR foi posible detectar DNA do virus en tódolos gametos e larvas. Estes resultados apoian a hipótese de transmisión vertical de OsHV-1 en C. angulata.

En definitiva, a pesares das patoloxías detectadas nas poboacións naturais, os resultados acadados neste estudo amosan un futuro para a ostricultura no litoral atlántico andaluz esperanzador.

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: